A CEC pon en marcha a iniciativa Visibiliza-DAS, que busca dar voz a mulleres pioneiras e referentes en distintos sectores
8 de Marzo, Día Internacional da Muller
- O programa, coordinado desde o Gabinete de Igualdade da Confederación de Empresarios da Coruña, bota a andar cunha serie de entrevistas a mulleres líderes que se difundirán a través das canles dixitais da CEC
- Isolina Raña, gandeira e presidenta da Asociación de Empresarias Rurais (ASER), abre este ciclo de conversas arredor da igualdade e o empoderamento feminino no tecido económico coruñés
A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) celebrou o 8 de Marzo coa posta en marcha do programa Visibiliza-DAS, unha iniciativa coordinada desde o seu Gabinete de Igualdade que engloba diversas actuacións encamiñadas a dar voz a mulleres pioneiras, destacadas ou que exerzan tarefas tradicionalmente masculinizadas, para poñer en valor as súas figuras e que sirvan de referente ás novas xeracións.
O programa bota a andar coa publicación dunha serie de entrevistas a mulleres líderes, que se difundirán a través das canles dixitais da CEC. Isolina Raña, gandeira, presidenta da Asociación de Empresarias Rurais (ASER), e socia fundadora e vicepresidenta da Federación de Ganaderas Españolas ‘Somos Tierra’, abre este ciclo de conversas que se publicarán periodicamente ao longo deste 2024.
“No sector do agro avanzamos en igualdade, con mulleres á fronte de grandes empresas, cooperativas e explotacións”
ENTREVISTA: Isolina Raña, gandeira e presidenta da Asociación de Empresarias Rurais (ASER)
Isolina Raña (1974) leva máis de 20 anos á fronte da explotación familiar de vacún de leite en Xesteda (Cerceda). Coma ela, sempre foron maioría de mulleres as que sostiñan o peso da dirección e do traballo nas granxas en Galicia, pero non era tan común que ostententaran a titularidade das mesmas, unha situación que está a mudar nos últimos tempos. Isolina Raña ten asumido un rol de liderado neste cambio, primeiro como parte do Consello de Administración da cooperativa Feiraco, hoxe CLUN, e actualmente como presidenta da Asociación de Empresarias Rurais (ASER), que trata de dar visibilidade e apoio ao papel da muller no tecido empresarial do rural galego, e tamén a nivel estatal, como socia fundadora e vicepresidenta da Federación de Ganaderas Españolas ‘Somos Tierra’.
O seu compromiso coa economía social, coa participación das persoas socias nas cooperativas e coa promoción da igualdade da muller no sector gandeiro levouna a traballar moi activamente dentro de CLUN, sendo unha das fundadoras do proxecto ‘Mulleres de Seu’, iniciativa pioneira na loita polo empoderamento feminino no rural. A súa implicación abrangue tamén a cooperación ao desenvolvemento, como agripooler da Agri-Axencia española Acodea, coa que colabora en misións para a dinamización do sector cooperativo agroalimentario tanto en España como en América Latina, traballando con cooperativas e organizacións agrarias na especialidade de gobernanza. Esta organización concedeulle en 2019 o premio ‘Agripooler del Año’ polo seu compromiso e solidariedade, e foi nomeada Embaixadora Acodea.
–Cal é a posición das mulleres no tecido empresarial do sector agropecuario?
–A presenza pública das mulleres como empresarias, profesionais e políticas é cada vez máis evidente. No sector agropecuario non é diferente: avanzamos en igualdade. Á fronte de grandes empresas, xestionando cooperativas, como emprendedoras ou autónomas… no noso sector visibilízase a nosa presenza real.
–E na dirección das empresas agrarias e as cooperativas, como avanza esa igualdade?
–Non vexo freo no camiño da igualdade real no ámbito profesional. Nótase un maior dinamismo en todos os ámbitos, non só empresariais, senón tamén noutros eidos, como no asociacionismo, no formativo ou no cultural.
Penso que as cousas mudaron moito, aínda que é certo que aínda hai menos mulleres á fronte destas responsabilidades. Unha das razóns pode ser que chegamos máis tarde a este desempeño e moitas veces non nos sentimos lexitimadas, como que non nos corresponde.
–Cales foron as principais dificultades que ti enfrontaches?
–A verdade é que fun e son afortunada de ir atopando no meu camiño a persoas que me apoian e me animan a seguir porque, como en todo, é necesario moito esforzo, traballo e ilusión. Moitas veces o freo somos nós mesmas, e por iso considero fundamental que haxa apoios como o desta institución, ou o da Asociación de Empresarias Rurais ASER.
–Cales son os principais obstáculos que enfronta unha empresaria rural?
–O rural necesita estar dotado de servizos que faciliten a vida e o emprendemento, para que as persoas mozas poidan desenvolver o seu modelo de vida sen que isto lles supoña un obstáculo. A pandemia demostrou e deu visibilidade a unha cara do rural moi positiva que antes non percibiamos, e debemos aproveitar esta oportunidade.
O desenvolvemento tecnolóxico e da mobilidade permite que os servizos que precisamos se presten doutro xeito distinto.
–Hai conciencia da necesidade dun empoderamento da muller no rural?
–Eu considero que cada vez hai máis conciencia, porque de non habela sería un verdadeiro retroceso. Por iso é necesario impulsar accións que dean visibilidade a esta necesidade.
–Como foi a experiencia nunha iniciativa pioneira neste eido como Mulleres de Seu?
–Foi unha experiencia francamente positiva, pois foi a primeira asociación da que son socia e, ademais, socia fundadora. Vin como deu os seus primeiros pasos e como ía aportando valor ás mulleres e á cooperativa en xeral.
–Como se leva neste sector a conciliación laboral e familiar?
–Aínda que sempre entraña algunha que outra dificultade, facendo un cómputo xeral e centrándonos no día a día penso que resulta máis fácil, porque sempre podes mover algo os horarios ou un día facer o máis urxente e pospoñer o resto para o seguinte. Aínda así, non podemos esquecer que hai certas horas que son inamovibles, e que este traballo son 365 días ao ano.
–Que medidas consideras prioritarias para facilitar a conciliación no teu sector?
–Creo que nun mundo que avanza tan rápido, o fundamental son comunicacións e servizos.
–Segundo a túa experiencia, consideras que existe algunha diferenza no liderado entre homes e mulleres?
–Non debería. Un bo liderado non depende de que se sexa home ou muller. Unha persoa é boa no liderado polas súas capacidades para exercelo. Pero teño que recoñecer que a miña experiencia para emitir esta opinión nútrese de máis casos de homes que de mulleres, así que, por falta de igualdade, non se deberían facer comparacións. Certo é que as mulleres coas que me fun atopando nestes roles adoitan ter unha capacidade de liderado imparable.
–Que achega o talento feminino á empresa?
–En cuestión de talento, a igualdade é real. En canto á dedicación e o esforzo, si que penso que as mulleres aportamos un diferencial.
–Pola túa experiencia como agripooler, como é a situación das mulleres neste sector noutros países?
–Son países nos que a igualdade é un tema no que se empeza a traballar. Aínda que temos unha realidade e obxectivos en certa forma parecidos, cambia totalmente porque é outra cultura, outro entorno, outra forma de afrontar a vida moi diferente.
–Para ti, que características representan a unha muller empoderada?
–Asumir as decisións sobre a propia vida en canto a estudos, familia, traballo, empresa, economía, participación social… iso é o que caracteriza a unha muller empoderada.
–Cales son os teus referentes?
–Ademais das referencias históricas que todas as mulleres galegas temos, como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, todas aquelas que asumen o liderado, en asociacións, en empresas, en institucións, son referentes. Trátase de estar onde hai que estar.
–Que recomendacións darías a aquelas mulleres que queiran seguir os teus pasos?
–Desde que me incorporei á granxa familiar fun participando en case todas as iniciativas que se me foron presentando, primeiro como cooperativista, asumindo formar parte do consello de Feiraco, despois na fundación de ‘Mulleres de Seu’ para visibilizarnos no seo da cooperativa, posteriormente na cooperación internacional ao desenvolvemento da man de Acodea… Unha vez que inicias o camiño, non hai volta atrás.
–Que contribución están chamadas a facer as mulleres do rural ao conxunto da sociedade?
–Sen mulleres non hai rural. Con elas hai familias, fillos e fillas que continúan vivindo e traballando no rural. No noso medio, as persoas maiores seguen na casa, mantéñense os valores de convivencia xa perdidos noutros ámbitos sociais. Realmente, sen mulleres non hai vida en ningún sitio.