O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron hoxe un protocolo de actuación entre o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e a USC para a creación do Laboratorio de Riscos Psicosociais co fin de avanzar na saúde psicosocial das persoas traballadoras nas empresas galegas e na promoción da saúde no traballo, abordando a saúde de xeito integral.

Esta acción enmárcase na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 do Goberno galego e nace da necesidade de preparar tanto á Administración laboral como ao propio eido universitario desde unha óptica preventiva para unha adecuada xestión dos riscos psicosociais que afectan ás persoas traballadoras, como o estrés, a violencia ou o desgaste profesional.

Deste xeito, ademais de mellorar a sensibilización e asesoramento sobre a saúde psicosocial, engadiu José González, Galicia fai fronte ao absentismo laboral, un problema estrutural que incide na produtividade e competitividade das empresas e que o Goberno galego está a abordar dun xeito conxunto con todos os axentes implicados para atopar solucións.

Funcións do laboratorio

Con ese fin, a comunidade galega buscará co laboratorio aumentar o coñecemento dos riscos psicosociais, articular as medidas máis axeitadas para previlos e orientar ás empresas e ás persoas traballadoras, expuxo o conselleiro. Neste sentido, funcionará como espazo de ideas e xeración de coñecemento, traballo especializado na investigación, desenvolvemento e innovación sobre diferentes aspectos relativos á Prevención de Riscos Laborais.

Entre as súas funcións estará a de elaborar material técnico para acompañar ao tecido empresarial de Galicia en novas iniciativas que incidan na mellora das condicións de traballo e que axude ás empresas a afrontar de xeito adecuado novos modelos con riscos diferentes. Nel desenvolveranse, entre outras accións, proxectos de I+D+i, traballos e teses de doutoramento, iniciativas de sensibilización e campañas de saúde mental nas empresas. Todo isto ademais das campañas que desenvolve o Issga neste eido.

Isto será posible grazas ao traballo do persoal do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC, que liderarán e coordinarán o equipo interdisciplinar deste laboratorio. O labor deste laboratorio difundirase na web e nas redes sociais do Issga. Ademais presentarase unha guía para avanzar na prevención e benestar laboral e difundirase material a través de campañas do Issga.

Traballo conxunto

Na sinatura, o conselleiro estivo acompañado pola xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, e nela tamén estivo o profesor de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC, Carlos Montes Piñeiro. Alí José González tamén defendeu a necesidade de traballar da man, Administración, traballadores, empresas e Universidades e centros de investigación e sinalou que o compromiso da Xunta coa saúde integral nos espazos de traballo é total. Como exemplo desta unidade salientou a elaboración e desenvolvemento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo, da que parte a creación do Laboratorio de riscos psicosociais e que contou e conta coa participación do persoal empresario e traballador.

Con esta ferramenta, lembrou o conselleiro, o Goberno galego defende a creación dunha rede de alianzas para traballar en conxunto, compartindo coñecementos, recursos e boas prácticas co fin de protexer a saúde e seguridade dos nosos traballadores e fomentar unha cultura preventiva en Galicia.

Vixencia

O protocolo entre Issga e USC asinado hoxe estará vixente ata o 31 de decembro de 2027 coincidindo coa vixencia da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027. Para velar pola correcta coordinación das partes e das actuacións, crearase unha comisión de seguimento que estará formada por dous membros nomeados por cada unha das partes e reunirase cando se convoque por algunha delas, como mínimo, unha vez ao ano.

 

Fonte: ISSGA