A CEC acolle Ultreia A Coruña, un evento para dinamizar o ecosistema emprendedor da provincia

  • O evento de hoxe estivo organizado pola Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC) e promovido pola Xunta de Galicia
  • O obxectivo principal é impulsar o emprendemento galego e a innovación a través deste evento, creando sinerxías e atopando solucións conxuntas co apoio da innovación, facendo fincapé tamén no retorno e na remuda de negocios como os comerciais a través da Rede de Polos de Emprendemento
  • José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, e Antonio Fontenla, presidente da CEC, foron os encargados da apertura do foro, que contou co presidente executivo de Aluman, Manuel Ángel Pose, como conferenciante convidado
  • Tras os eventos celebrados na Coruña e Ourense, a presentación de Ultreia terá continuidade tamén nas entidades empresariais de Lugo e Pontevedra

A Coruña, 24 de setembro de 2024 || A Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC) acolleu hoxe o evento provincial do programa “Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente”. Esta iniciativa, que está financiada pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, conta a nivel galego coa implicación de 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 startups, 40 empresas tractoras e a exposición de 16 casos de éxito.

Ultreia A Coruña | Inauguración Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o presidente da CEC, Antonio Fontenla, foron os encargados da apertura desta xornada, na que tamén participaron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo.

Na súa intervención, Fontenla sinalou a importancia da colaboración entre a Xunta de Galicia e as Confederacións empresariais na iniciativa Ultreia, ao tempo que destacou o esforzo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na identificación e coordinación de todos os axentes, redes e recursos que traballan na nosa Comunidade en favor do emprendemento, entre os que citou á Confederación coruñesa. O obxectivo, segundo dixo, “é facilitar que prosperen, na nosa provincia e en Galicia, iniciativas empresariais innovadoras; novas empresas para facer máis competitivo o tecido produtivo, xeradoras de riqueza e emprego de calidade, e creadoras de oportunidades de futuro no conxunto do territorio”. Neste senso, o presidente da CEC sinalou o “enorme potencial que ten a provincia da Coruña para o emprendemento nos sectores da nova economía, nomeadamente as TIC, as enerxías renovables ou o biotech, entre outros”.

Na súa intervención, o conselleiro salientou que a iniciativa Ultreia “nace co obxectivo de incentivar ás persoas e entidades emprendedoras a acadar o propósito de impulsar o seu camiño, xerando sinerxías e identificando retos con solucións conxuntas, todo no marco do plan de acción de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, que se está a definir da man do ecosistema emprendedor”. Así, agradeceu “a implicación da CEC para que proxectos innovadores consigan financiamento e se dea un pulo aos principais sectores económicos de Galicia”.

José González explicou que “o deseño destas xornadas non foi elixido ao azar, senón que forma parte dunha folla de ruta máis ampla que vén de facer merecedora a Galicia do recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025. Unha distinción que premia a nosa Rede de polos de emprendemento que leva atendido máis de 2.400 proxectos nos seus 14 centros activos ou iniciativas novidosas como o proxecto piloto de coliving no rural, todo co obxectivo primordial de dinamizar e de vertebrar o conxunto do territorio, ao tempo que se fixa poboación”.

Campus Startups e mesas de traballo para un territorio intelixente

A xornada de hoxe, que chegaba á Coruña tras o lanzamento destes eventos a semana pasada en Ourense, contou con dous bloques diferenciados que se foron celebrando simultaneamente ao longo da mañá e a tarde: o ‘Campus Startups’ e as mesas de traballo ‘Retos e Solucións para un territorio intelixente’.

No Campus Startups, o obxectivo centrouse en identificar e mapear as empresas de recente creación e outras iniciativas emprendedoras innovadoras co fin de darlles soporte para a busca de financiamento.

Este bloque abriuse coa conferencia de Manuel Ángel Pose, presidente executivo do Grupo Aluman, firma con sede en Arteixo que é referente a nivel global en solucións construtivas innovadoras e sostibles para os sectores das envolventes enerxéticas de edificios singulares, o retail e o contract, que conta con máis de 600 persoas traballadoras, 7 filiales internacionais e presenza en máis de 35 países. A súa intervención, que quixo servir de inspiración aos novos emprendedores e emprendedoras, destacou que as oportunidades para o emprendemento poden xurdir en calquera lugar ou circunstancia, e animou a aproveitalas cando se presentan: “Nunca esperedes o momento ideal, porque xamais chegará”.

Ultreia A Coruña | Manuel Pose - Grupo Aluman

A continuación sucedéronse na sede da CEC presentacións de proxectos emprendedores. Entre todos eles, o xurado seleccionou aos finalistas que participarán -xunto cos escollidos nas outras provincias-, no Foro de Investimento Ultreia Galicia organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Entre as iniciativas emprendedoras presentadas hoxe, resultaron elixidas finalistas Ceus World, Nordes Tech e Neo Wise. O xurado estivo integrado por Antonio Fontenla, presidente da CEC; Marta Mariño, Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Rosana García, deputada da Deputación da Coruña; Teresa Somoza, xefa do Departamento de Promoción Económica do Concello da Coruña; Iván Ferreiro, xefe de Zona Coruña de AFIGAL; Aida Cordero, secretaria de Organización de AJE Coruña; e Concepción Varela, responsable del Departamento de Creación de Empresas da CEC.

Neste apartado tamén houbo tempo para coñecer casos de éxito de emprendemento en distintos eidos, da man dos e das responsables de Grupo Atlante -Maite Valiño-, Pilgrim -Roberto Fraga-, Fio de Martié -Óscar Varela-, e Plexus Tech -Leoncio Touceda-.

No transcurso da xornada falouse tamén de innovación e da posibilidade de diversificar investindo en startups, abordouse a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego e o Plan Remuda, habilitado no seu seo para evitar que pechen negocios rendibles e vertebradores do territorio, así como da Estratexia Retorna para impulsar -entre outros- o emprendemento protagonizado polos galegos do exterior que volven para establecerse na Comunidade.

Ultreia A Coruña | Jurado

Retos e solucións, sector a sector

O segundo bloque do programa desenvolveuse en formato de mesas redondas para abordar os ‘Retos e solucións para un territorio intelixente’. Os obxectivos destas sesións eran identificar os sectores estratéxicos da provincia e os seus retos, abordar as súas cuestións clave, determinar as empresas tractoras de cada un deles e mapear os axentes do ecosistema empresarial da provincia implicados no se desenvolvemento. Esta parte contou con seis mesas nas que empresas coruñesas debateron sobre os retos que teñen por diante os sectores de enerxías renovables; portos e as súas actividades; construción e afíns; téxtil; turismo, hostalería e comercio; TIC e audiovisual.

O programa Ultreia Galicia está ideado para contribuír a reforzar a actividade da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego e o Mapa de Emprendemento da Xunta -medidas que levaron a Galicia a obter por parte da Unión Europea o recoñecemento de Rexión Emprenderora Europea-, así como a impulsar as startups galegas co obxectivo primordial de dinamizar e de vertebrar o conxunto do territorio, ao tempo que se fixa poboación especialmente nas contornas rurais.

Tras ter iniciado o seu percorrido en Ourense e A Coruña, as Confederacións empresariais de Pontevedra e Lugo acollerán este evento os días 25 e 26 de setembro. O programa culminará en Santiago nun último encontro a nivel galego co obxecto de que proxectos innovadores consigan financiamento.

Ultreia A Coruña | Invertindo en iniciativas emprendedoras

Na clausura da xornada de hoxe participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado por Antonio Fontenla, presidente da CEC, quen salientou o bo desenvolvemento deste proxecto e agradeceu a tódolos participantes a súa achega e colaboración para avanzar no ecosistema emprendedor coruñés.

Clausura Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Lista de reproducción multimedia del evento