Unha das repercusións laborais máis visibles da COVID-19 foi a intensificación do teletraballo como modalid de de emprego; unha forma urxente de compatibilizar a prestación de servizos e a relación laboral coa protección fronte á pandemia. Pero aplicalo non é intuitivo nin doado. De feito, a súa incorporación de forma sobrevida e sen preparación previa impide que, de momento, moitas organizacións logren niveis axeitados de eficacia, eficiencia e produtividade. Máis alá das circunstancias excepcionais que vivimos actualmente, un teletraballo eficaz require a reorganización e adaptación de sistemas e procesos de traballo e un esforzo de aprendizaxe por parte das persoas traballadoras menos familiarizados con esa práctica.
Ante este escenario complexo e cambiante, a Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións, en colaboración coa Confederación de Empresarios da Coruña, organiza un seminario web onde, a partir da experiencia de diferentes organizacións que levan xa anos de implantación do teletraballo, explicaranse as súas principais vantaxes e dificultades, suxeriranse pautas para a súa correcta xestión, e ofreceranse algúns exemplos e pequenos trucos para aproveitar todo o seu potencial produtivo.
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Confederación de Empresarios de La Coruña, asinaron en outubro do 2019, un convenio de colaboración para a promoción do emprendemento, o asesoramento técnico ao tecido empresarial e para a formación nos ámbitos de actuación de ambas entidades.
No marco deste convenio e froito da situación de estado de alarma, organízase este seminario web, co fin de analizar as diferenzas entre o traballo convencional e o teletraballo, establecer as vantaxes e inconvenientes do teletraballo, así como identificar as modalidades e ferramentas requiridas para teletraballar de forma eficaz.
Contido:
1. Nocións e conceptos básicos: Extensión e sentido do teletraballo.
2. As cuestións necesarias para implantalo: Cando, Onde, para Quen.
3. Cambios na organización: Comunicación, xestión do equipo, avaliación da persoa teletraballadora
4. Cuestións prácticas: O FAQ do teletraballo.
Dirixido a:
- Asociadas e asociados da Confederación de Empresarios de La Coruña.
- Psicólogos/as colexiados/as.
- Psicólogos/as non colexiados/as ou desempregados/as.
- Persoal administrativo do COPG.
- Outras persoas que teñan interese.
Data: Martes, 9 de xuño
Horario: de 18:00 a 19:30 h
Onde: plataforma ZOOM
Inscrición: Gratuíta, envía os teus datos a copgalicia@copgalicia.gal ata o 5 de xuño.