A erradicación das violencias contra as mulleres precisa dun enfoque integral dende distintos ámbitos, incluídas as relacións laborais. Teito de cristal, fenda salarial, estereotipos, micromachismos… constitúen violencias que impiden o pleno desenvolvemento da muller e, polo tanto, da sociedade no seu conxunto.
Medidas encamiñadas a eliminar a desigualdade e a discriminación de xénero no acceso ao emprego, ao seu mantemento e promoción; medidas de conciliación; melloras na seguridade e protección; así como o empoderamento das propias mulleres, contribúen ao achegamento real e efectivo da igualdade en consonancia coas metas do 5º Obxectivo de Desenvolvemento Sostible.
Neste sentido, dende a CEC estamos a traballar nun taller no que se abordarán, dende distintos ámbitos psicoemocionais, o fortalecemento da autoestima e do autocoñecemento como ferramentas de empoderamento laboral. O taller constará de dúas sesións diferenciadas: a primeira máis enfocada ao ámbito psicoemocional e a segunda ao control e coñecemento do propio corpo como reforzo da seguridade e autoestima persoal.