O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral, e é á Consellería de Emprego e Igualdade, de acordo co Decreto 215/2020, do 17 de decembro, pola que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, a quen lle corresponden as competencias e funcións nesta materia e, entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral subsidiadas na Subdirección Xeral de Relacións Laborais que depende da Dirección Xeral de Relacións Laborais, polo que, dando cumprimento ao artigo 5.3 e concordantes da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, está a levar a cabo a promoción da prevención de riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral.
Así mesmo, correspóndelle executar a Axenda 20 para o emprego, que ten entre os seus fins a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega, así como cumprir cos obxectivos da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2017-2020.
Son destinatarias finais destas accións as persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego, persoas traballadoras autónomas, delegados e delegadas de prevención, recursos preventivos e persoas traballadoras designadas que asuman con medios propios a actividade preventiva da empresa.
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 da concesión de subvencións, pola Consellería de Emprego e Igualdade Dirección Xeral de Relacións Laborais, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de levar a cabo accións de formación, sensibilización, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia (procedemento TR852A).
Liñas e actividades subvencionables
- Liña 1: formación e actividades de asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial.
As axudas desta liña están destinadas á realización de accións formativas e ás actividades de asesoramento e sensibilización en relación coa normativa de prevención de riscos laborais por parte dos gabinetes técnicos de seguridade e saúde laboral das entidades que resulten beneficiarias. - Liña 2: formación e outras actividades de fomento en materia de prevención de riscos laborais de carácter sectorial.
As axudas desta liña están destinadas a cursos de formación sectoriais e á realización de xornadas de sensibilización de carácter sectorial, así como estudos de carácter tamén sectorial.
Todas as actividades subvencionadas deberán respectar na súa realización a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, así como o emprego dunha linguaxe inclusiva, mediante o uso dunha linguaxe, mensaxes e contidos visuais que contribúan á transformación social, e afastados dos estereotipos sexistas configurados a partir dunha asignación de roles e valores diferenciados en función do sexo.