Entrevista Angélica Figueroa Conde-Valvís

Angélica Figueroa dirixe no Instituto de Investigación Biomédica (INIBIC) da Coruña o grupo de investigación Plasticidade Epitelial e Metástase, centrado no estudo dos mecanismos moleculares implicados na progresión tumoral, as metástases e a resistencia a terapias, así como na identificación de novos tratamentos contra o cancro e no deseño e desenvolvemento de innovadores compostos antitumorais. Nesta entrevista para a iniciativa Visibiliza-das, fala dos desafíos para as mulleres na ciencia, e os necesarios avances en distintos eidos no camiño da igualdade real.

“En investigación, só o 5% das mulleres que fan o doutoramento chegan a ser xefas de grupo”

ENTREVISTA: Angélica Figueroa Conde-Valvís, coordinadora do grupo de investigación Plasticidade Epitelial e Metástase do Instituto de Investigación Biomédica (INIBIC) do Complexo Hospitalario Universitario da A Coruña (CHUAC)

– Cales son os principais retos para acadar a igualdade das mulleres na carreira científica?

Malia que é certo que a situación da muller na carreira científica ten cambiado moito nos últimos vinte anos, aínda quedan importantes retos por conquistar. Desde o meu punto de vista, sen dúbida, o factor limitante na carreira científica é a maternidade. A pesar de que ao redor do 50% das persoas investigadoras que terminan o doutoramento son mulleres, o seu avance na carreira profesional vese estancado a partir de entón, non chegando a alcanzar, na maior parte dos casos, posicións de directoras de grupo de investigación, profesoras titulares, catedráticas etc. Por tanto, cáensenos mulleres ao longo da carreira científica, e esta caída ocorre maioritariamente tras o doutoramento, momento no que normalmente coincide coa maternidade e a conciliación.

Nese sentido, aínda hoxe, os postos de responsabilidade están maioritariamente ocupados por homes, algo que non garda relación coa valía, cualificación e profesionalidade respecto ás mulleres. En xeral, as mulleres gañan menos, reciben menos financiamento e, mesmo, os recoñecementos son de menor contía que no caso dos homes. Aos homes, cando son novos, promociónaselles polo potencial que teñen para ocupar un cargo de responsabilidade e ás mulleres polos méritos que demostramos ao longo da nosa carreira. Temos que demostrar moitos méritos adquiridos para que nos dean unha oportunidade. Partimos dunha clara desvantaxe, acórdanse de nós tarde. É importante darse conta disto para poder considerar ás mulleres en promocións, recoñecementos e cargos en dirección.

– E cales son as principais conquistas para igualdade na investigación nos últimos anos?

Penso que nos últimos anos se fixo un enorme esforzo por visibilizar os logros das mulleres en ciencia. Malia que é certo que aínda non recibimos o mesmo recoñecemento que os colegas masculinos, si que creo que se está facendo un esforzo na visibilización, o que entendo que repercutirá aos poucos en compensar estes desequilibrios existentes como son as oportunidades de promoción na carreira científica, a reputación das publicacións lideradas por mulleres ou a captación financiamento, entre outros.

– Coordinas o grupo de investigación Plasticidade Epitelial e Metástase no INBIC. Cal é a proporción de mulleres nos postos de liderado de grupos de investigación?

Coordino un grupo especializado en investigación do cancro, no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC-CHUAC). No INIBIC a investigación está orientada a ciencias da saúde. As carreiras científicas en biomedicina están maioritariamente copadas por mulleres. Nese sentido, no INIBIC máis do 50% son mulleres, considerando que a maior porcentaxe de homes concéntrase en tres grupos de bioinformática. Con todo, tan só ao redor do 30% chegan a ser xefas de grupos de investigación. Por tanto, como comentaba antes, caen mulleres ao longo da carreira científica de forma máis acusada do esperado en base á proporción de mulleres que se inicia nas etapas temperás. Aínda hoxe, os cargos de máis responsabilidade son xeralmente asumidos por homes. Aínda que é certo que no INIBIC a actual Directora Científica é unha muller nomeada hai dous anos, o instituto levaba máis de trece anos dirixido por un home. Aínda queda moito por facer…

– Cales foron as principais dificultades que ti atopaches na túa carreira como investigadora?

Creo que as maiores dificultades que me atopei son, na súa maioría, compartidas polos homes, pero por citar algunhas diría o seguinte. Por unha banda, a inestabilidade laboral, sobre todo nas etapas temperás de investigación, onde na miña época aínda tiñamos bolsas e non contratos. É moi difícil conseguir unha posición fixa en investigación, sendo posicións extremadamente competitivas e difíciles de alcanzar. Por dar un dato, só ao redor do 5% que fan o doutoramento chegan a ser xefes ou xefas de grupo. Se consideramos, ademais, as dificultades engadidas que temos as mulleres para lograr estes postos, hai que traballar moito, esforzarse moito e loitar moito para verse recoñecido nos centros de traballo.

Ademais, os fondos para investigar aínda son limitados se o comparamos con países da nosa contorna, por tanto, conseguir financiamento para proxectos de investigación é unha tarefa difícil, onde unha vez máis as porcentaxes desfavorecen ás solicitudes lideradas por mulleres.

A título persoal, durante moitos anos, traballei moitas horas diarias e moitas fins de semana. E a pesar de que o fixen sempre porque o meu traballo é un gran motor na miña vida e apaixóname o que fago, creo que houbo un desequilibrio claro entre a miña vida laboral e persoal, algo que agora como xefa de grupo estou a aprender a xestionar mellor. Finalmente mencionar que unha parte importante do meu carreara científica desenvolvina en institucións internacionais de prestixio, e a pesar de ser unha experiencia que sen dúbida repetiría, vivir no estranxeiro lonxe de familia e amigos non deixa de ser un importante sacrificio persoal.

– Segundo a túa experiencia, consideras que existe algunha diferenza na dirección/liderado entre homes e mulleres?

Eu creo que os e as profesionais somos persoas e lideramos en función da nosa personalidade. E personalidades hai moitas. Sempre se concibiu que as mulleres son máis conciliadoras, colaborativas, empáticas e que fomentan máis o diálogo e a participación no equipo; e que os homes, con todo, teñen un estilo de comunicación máis directo, autoritario e xerárquico, e que se centran no cumprimento de obxectivos específicos, valorando a competencia e o logro persoal.

A miña experiencia é que vin moitas mulleres en posicións de alta dirección, cun liderado clasicamente atribuído aos homes, e tamén vin homes que chegaron profesionalmente moi lonxe cumprindo as características de liderado atribuídas ás mulleres.

Opino que, en xeral, o liderado clásico asimilado era o que se atribúe aos homes e que as mulleres tiveron que reproducilo para chegar a eses postos de liderado, porque era o modo en que se concibía que se podían progresar. Pero tamén creo que está a haber un cambio de paradigma en canto á aceptación doutros modos de liderar e, nese sentido, cada vez máis, vense líderes con habilidades máis asociadas ás mulleres. Non creo que os homes ou as mulleres lideren dunha forma ou outra, senón que os tempos cambian e as modas en canto a como liderar tamén van cambiando.

– E á hora de fundar unha empresa ou spin-off de base científica, cal é a situación do emprendemento feminino neste eido?

A fenda de xénero existente en mulleres emprendedoras no sector biotech é manifesta. Os datos falan por si mesmos. Existen estudos que indican que un dos principais problemas é a falta de acceso a capital, de feito, en 2018, o 93% do financiamento de capital de risco en Europa foi destinado a proxectos liderados por homes, deixando só o 7% para mulleres e equipos mixtos. Outro estudo en 2020 indica que só o 2% do financiamento de capital de risco global foi destinado a empresas fundadas unicamente por mulleres. Mentres tanto, o investimento total en startups europeas creceu un 136% ata alcanzar os 100.000 millóns de euros. En España, as mulleres representan unicamente o 20% do total dos emprendedores e só un 6% das startups está fundada por mulleres. A situación é absolutamente desalentadora. Con todo, por esta mesma razón, hai que dar un paso adiante.

– Como afecta o sesgo de xénero na propia investigación?

O sesgo de xénero nas investigacións científicas é un tema de gran actualidade. Hoxe sabemos que a subrrepresentación de mulleres en ensaios clínicos levou a conclusións non acertadas se consideramos o xénero. Un exemplo clásico dáse nas enfermidades cardiovasculares nas que, a pesar de ser a principal causa de morte tanto en homes como en mulleres, hoxe sabemos que a manifestación dos síntomas dun infarto pode ser significativamente diferente entre xéneros. Esta diferenza levou a unha identificación inadecuada e atrasos no diagnóstico de infartos en mulleres, con consecuencias potencialmente graves. Doutra banda, moitas investigacións sobre doses de medicamentos non consideran adecuadamente as diferenzas de xénero. Por exemplo, as mulleres teñen unha maior propensión a experimentar efectos secundarios adversos debido á dose de determinados medicamentos calculada en función do peso corporal medio dos homes. Existen casos onde se sabe que as mulleres son máis susceptibles ás doses establecidas para un determinado medicamento debido a que o seu metabolismo é máis lento, o que levou cambiar a recomendación a doses máis baixas para mulleres.

Tamén existen sesgos no recoñecemento de investigacións lideradas por mulleres. Varios estudos demostran que as súas publicacións son citadas con menos frecuencia que as realizadas por homes, o que pode limitar o recoñecemento e a difusión das súas contribucións científicas.

– Estase avanzando á hora de ter en conta a perspectiva de xénero no deseño dos estudos?

Sen dúbida, como comentei antes, este tema está sobre a mesa en todos os proxectos de investigación que se expoñen na actualidade. Darnos conta de todos estes aspectos é crucial para que se valoren adecuadamente as diferenzas de xénero nas investigacións e poder así alcanzar unha equidade e efectividade na ciencia e na medicina.

– Como se leva neste sector a conciliación laboral e familiar? Que medidas consideras prioritarias para facilitar a conciliación no teu sector?

A conciliación é complicada para todas as persoas. Tanto para mulleres como para homes implicados na conciliación familiar –que, afortunadamente, cada vez hai máis–. Moitos homes tampouco están dispostos a perderse aos seus fillos e a dedicar tempo de calidade coa familia. Sen dúbida, as mulleres, polo xeral, cargan co maior peso da conciliación (aínda que teño que recoñecer que este non é o meu caso). Ademais, son as que, polo xeral, renuncian á súa profesión, asumindo case sempre as reducións de xornadas, en gran medida porque son as que achegan menor salario na familia. Non creo que no meu sector sexa moi diferente e, sen dúbida, a maternidade segue sendo o aspecto máis importante que marca o rumbo de xénero na profesión. É un tema complexo, no que creo que as empresas están cada vez máis concienciadas e son máis flexibles, pero aínda queda moito por facer.

A min persoalmente a maternidade coincidiume nun momento crucial na miña carreira, onde asumín novos retos e dei un paso á fronte para dirixir o meu propio grupo de investigación. Foi un momento crítico, e teño que recoñecer que non o tiven fácil, pero o que máis me axudou a poder con todo foi a extraordinaria flexibilidade que teño no meu traballo para organizarme. Paréceme moi importante estar onde están os problemas: creo firmemente na presencialidade pero non no presencialismo. Grazas a isto, puiden asumir máis responsabilidade á vez que conciliar moi ben. Sen dúbida, ter unha parella corresponsable foi o meu maior acerto vital. Tamén é certo que a maternidade me ensinou a xestionar mellor o meu tempo, a priorizar e a delegar.

Quizá outra medida crítica que debería implementarse, á parte da flexibilidade horaria, é evitar que os salarios se vexan afectados coa redución de xornada por un período de tempo suficiente para que as mulleres non perdan o tren. Doutra banda, entender que esa redución de xornada poida repartirse entre homes e mulleres para que non sempre sexan as mulleres as máis afectadas.

– Que achega o talento feminino á ciencia?

Eu creo que o talento feminino é tan importante e necesario como o masculino. Todas as persoas achegamos un valor inmenso á ciencia a través da diversidade de perspectivas innovadoras, a mellora na produtividade e os resultados traballando conxuntamente, e é absolutamente necesario un liderado conxunto. No mundo hai homes e mulleres e, desde o meu punto de vista, compartir entre todos e todas nós traballo, ideas, liderado, etc., só leva a crear un mundo mellor, máis forte, máis cohesionado, máis xusto e máis igualitario. En definitiva, un mundo mellor.

– Como se pode fomentar a vocación STEM nas rapazas? Que recomendacións darías a aquelas nenas e mozas que queiran seguir os teus pasos?

Sen dúbida é importante que as nenas e mozas teñan referentes. Eu neste sentido sigo un lema moi claro: “Pensa en global e actúa en local”. Se queremos conseguir que haxa referentes para que as mozas poidan verse reflectidas, non basta con lanzar campañas publicitarias ou visibilizar a mulleres premiadas etc. O labor témolo que facer entre todos, de forma local e para que se poidan ver referentes preto, que poidan ver que é algo tanxible. Por iso, no noso grupo adoitamos achegarnos aos colexios e institutos para falarlles da nosa carreira profesional e as posibilidades que se lles poden abrir nun futuro.

A Fundación San Rafael ten unha iniciativa denominada “InvestigaSanRafael” cuxo obxectivo principal é dar a coñecer o mundo da investigación en saúde nas aulas, subliñando as posibles opcións de carreira profesional, aproveitando para visibilizar ás mulleres científicas. Desde hai anos, o noso grupo colabora nesta iniciativa, ademais de noutras como o Día da Ciencia na Rúa que se celebra no parque Santa Margarita da Coruña todos os anos. Todas estas pequenas iniciativas parécenme fundamentais para favorecer un movemento global.

Non son moito de dar recomendacións, cada un debe escoller o seu camiño, pero eu son partidaria de tentar perseguir os soños e priorizar facer aquilo que che apaixona. Se che apaixona algo, terminarás atopando a felicidade dedicándolle tempo a aquilo que che motiva e será máis fácil que te esforces por chegar lonxe.