Tempo Social Training, Pilgrim Travel, Insertega e Bico de Xeado gañan os Premios PEL 2024 da Deputación da Coruña
A sexta edición dos galardóns premiou ás mellores empresas da provincia nunha edición con récord de participación, na que se presentaron 92 candidaturas
A Deputación da Coruña celebrou no novo Auditorio Municipal de Ribeira a VI edición dos premios PEL, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano ás mellores empresas, asociacións e clústeres empresariais da provincia e a súa aposta polo desenvolvemento económico de Galicia.
A larachesa Tempo Social Training, a herculina Pilgrim Travel, Insertega, con sede no Polígono de Sabón (Arteixo), e a bergondesa Bico de Xeado foron as galardoadas da noite, nun acto no que houbo tamén un recoñecemento para o xornalista económico Julio Pérez e que contou cunha ampla representación do tecido social, político, económico e empresarial da provincia, encabezada polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e que contou coa presenza de numerosos deputados da corporación provincial e alcaldes e alcaldesas da provincia, entre eles o de Ribeira, Luís Antonio Pérez, que deu a benvida aos asistentes.
A sexta edición destes galardóns logrou superar o seu récord de inscricións. Presentáronse un total de 92 candidaturas, un fito que o presidente destacou como unha «excelente mostra do enorme potencial que ten a provincia da Coruña para seguir innovando, apostando polo talento formado aquí e impulsando proxectos empresariais de éxito».
O Presidente da CEC e tamén presidente do xurado, no acto de entrega silanou «Sorprendeume a cantidade de proxectos implicados na dinamización e impulso dos territorios menos poboados que se están a desenvolver na nosa provincia: Spin-offs que desenvolven exoesqueletos ou tecnoloxías propias para achegar ao mercado e mellorar as radiografías e tomografías industriais; espazos innovadores onde se liga a práctica do deporte, coa vida saudable, social, a integración, a colaboración, a dinamización rural, e se fai comunidade; plataformas destinadas á planificación do Camiño de Santiago; compañías biotecnolóxicas, alimentarias, relacionadas coa arquitectura, cos cruceiros ou cos drons; empresas que integran a persoas con discapacidade e fan un labor social; empresas e concellos que apostan pola economía circular e a transición ecolóxica… En definitiva, entidades con proxectos únicos.»