QUEN E DE QUE?
Antes de responder á pregunta, repasemos algúns datos preocupantes relacionados coa nosa mocidade.
- Que é a fuga de talento?
O termo fai referencia ás persoas con formación universitaria que emigran a outras nacións pola falla de oportunidades (obviamente, na tendencia das migracións inflúe de forma determinante a evolución económica de cada país).
- Retén España o talento?
Vexamos datos dos últimos anos (fontes: OCDE, INE, Foro Económico mundial):
- España ocupa un dos peores postos en canto a retención do talento (o 83 nunha clasificación de 109).
- Tamén está no vagón de cola mundial na captación de cerebros de fora.
- A crise económica de 2008 deixou taxas históricas que afectaron especialmente á poboación xuvenil (en 2019 un 40% nos/as menores de 25 anos).
- O 28% da nosa mocidade (de 20-43 anos) en desemprego está disposta a marchar a UE para atopar traballo. E nesta decisión xoga un papel moi importante o nivel formativo.
- O número dos nosos/as mozos/as que vive no estranxeiro, segundo o INE, creceu un 79% entre 2009 e 2017.
Tendo en conta o anterior, imos contar una historia de calquera moza universitaria galega (porque elas teñen aínda máis dificultades que eles no mundo laboral)
“Son unha enxeñeira de Galicia, pero estou comezando a non sentirme de ningún sitio. Intentei buscar o meu oco laboral na “miña terriña”, pero sen éxito. Vinme obrigada a tomar unha dura, triste e difícil decisión: emigrar buscando un futuro. Certo, encantaríame poder contemplar ese futuro no meu país, pero quedoume claro que non era posible.
Malia loitar dende pequena por acadar esa meta:
- Obtendo bos resultados académicos dende o bacharelato
- Elixindo unha titulación con boas expectativas laborais e complementándoa cun máster.
- Preocupándome por estar ó día en idiomas e nas TIC’s.
- Presentándome a innumerables ofertas de emprego.
- Pasando por moitas entrevistas de traballo no que solicitaban o meu “perfil”.
Pero, aínda así, seica non teño cabida no mercado laboral do noso país.
Exhausta de pelexar para atopar o meu sitio AQUÍ, tiven que sumarme a moitas outras persoas que decidiron marchar a outro país no que si valorasen o esforzo e o coñecemento.
Funme con pena e moita dor, pero necesitaba librarme da continua sensación dun futuro “incerto” e cheo de inseguridade.
Así que marchei, teño un bo traballo e ben pagado. Pero non estou onde quero.
E si, teño morriña”
ATENCIÓN:
Empresarios/as, nais e pais, a que fala podería ser a vosa filla.
E o seu talento aprovéitano fora, pero a súa formación pagámola aquí
Nada que engadir.